NEGRA SOMBRA QUE ME ASOMBRAS

1618516_10201444141450801_857005206_n

 

De cativa, escoitaba a cotío a Negra Sombra entonada por Luz Casal, que guindaba ó ar a súa voz doída dende unha enorme minicadea Philips. Ao puro estilo dos noventa. Xa daquela intuía na canción algún significado oculto e esgrevio, que non acadaba a comprender de todo, e ficaba máis ben no lado concreto dos versos. Non podía ser doutro xeito, pois naqueles tempos aínda era quen de matinar (e crer) nun sentido obvio. Alentada quizais por un Deus todopoderoso que co tempo se foi decolorando, e anicando baixo os argumentos incuestionables dunha realidade de Telexornal.

Non sería ata anos máis tarde que eu mesma fun Negra Sombra, aínda sen claro factor precipitante. E souben de certo cómo había de sentirse Rosalía. Porque a Negra Sombra non é máis cá tristura súpeta e incontrolable… ese xeito malicioso de petrificármonos ante a constancia do eu.

De Negras Sombras se construén as amañecidas á raia, perfectas para a ledicia, combinadas cunha brutal incapacidade para desfrutalas. Son as pálpebras caídas, os rictus amargos, a tristura nas meixelas. As ganas de nada, o exasperante ostracismo das intencións.

Negra Sombra é ese non sei qué latexando no estómago, ácedo e amargo, coma unha indixestión de esperanzas raídas.

Nos tempos de Rosalía non habería moito Prozac polas voltas… Alguén dixo máis Platón e menos Prozac… A auga do Sar debía de ser fría demais. Un témpano petrificante.

Porque a retranca que ten esa Sombra maldita é que a máis das veces non hai xeito de xustificala. O que é peor, de explicala, coas consecuencias que tal carestía de entendemento coleva. A moi meiga fai escarnio do sufrimento alleo.

En todo estás e ti es todo…

A apatía, prostituta perigosa que cobra moi caros os seus servicios. Anhedonía, abulia, desidia, perplexidade inmóvil.

E quizais todo parta do mesmo punto… da incomprensión. E se tento darlle xeito paso de Deus ó infinito e o resultado é un suspenso en Física. Unha cousa sí me concedo, e é a de ser consecuente coa autopercepción… xamais me deixará de abourar a falta de aptitudes (e tamén, cómo non, de actitudes). Xamais acadarei a altura da min mesma desexable, e ese é un hándicap demasiado pesado ás costas.

Os espertares crávanse igualiño ca dagas no medio do peito. ¡¡Cómo facer entender a profunda dor que supón vivir de novo cada mañá!!

Non me valen os motivos festeiros, as louvanzas esaxeradas que non se crería nin o meu lado domingueiro, moito menos todas esas estúpidas frases de autoaxuda. Xa sabedes o que opino de tipos coma Paulo Coelho ou Punset.

E decorren os días inútiles, improdutivos porque non entendo o motivo dos produtos mundanos e humanos…

A tristura, a Negra Sombra, é a perda do sorriso, é o éxodo das cores, a depapilación do gusto… as intensas, inmensas, inxustas e intransixentes bágoas que aparecen sen vir a conto nos máis absurdos contextos.

A tristura é a falta de fame, de enerxía, as ganas de querer e non poder. Os móviles soando despois dun accidente, o valor das esperanzas trala fatalidade. A certeza nesa fatalidade.

E téñolle xenreira á sempiterna Negra Sombra, máis vivo con ela, e “en min mesma mora”…. “nin me deixarás ti nunca” aínda que ás veces saiba agocharte para que parezas ida.

Fasme ser velenosa, egoísta ata o delito,convértesme en inesgotable fonte de oprobios cara quen non o merece, condénasme a un futuro de soidade, convivindo quizais cun gato e un par de plantas de interior.

Houbo un tempo no que para non sentirte tan forte decidín desaparecer a base de materia… máis cada pequeno combate gañado, no canto de alonxarme, máis me achegaba a ti… despois dunha meta viña outra. E o punto de inflexión na agulla marcando 47, cando mesmo ti te viches perigar, porque xa non había nada, nin sentimentos, só baleiro, resaltes, caveiras, consunción de corpo e esprito, chouza de secano ata para chorar…

Todo eso pasou. Máis eu sigo. E cando parece que es ida… aquí te teño de novo ós pés da cama. Nos xestos, nas rúas, nos escaparates, mesmo nas flores que antes semellaban de cor e agora nacen dun filtro sepia… nas unllas, na testa lampiña, nas cóxegas, no fígado, no alento que exhalo… neste insoportable castigo de facelo todo mal. En non poder apretar ben forte a quen xa non está nin volverá estar comigo.

E enfádome cada día máis, porque a meirande frida que nos provoca a mediocridade, é a amargura de sermos xente gris.

E eu, non quixera ser gris.

Por eso perdo sempre.

 

ME LEVANTÉ Y FUÍ HACIA EL JODIDO CUARTO DE BAÑO. ODIABA MIRARME EN AQUEL ESPEJO PERO LO HICE. VI #DEPRESIÓN Y DERROTA. UNAS BOLSAS OSCURAS DEBAJO DE MIS OJOS. OJITOS COBARDES, LOS OJOS DE UN ROEDOR ATRAPADO POR UN JODIDO GATO. TENÍA LA CARNE FLOJA, PARECÍA COMO SI LE DISGUSTARA SER PARTE DE MÍ.

CHARLES BUKOWSKI

 

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s