DÍA DAS LETRAS GALEGAS. VIVA O LICOR DO NEGRO CAFÉ.

Eu falo… no que me peta.

Non me gustan os límites, salvo os que se empregan para coller azos e liscar cando a vida se ateiga de pó. Ou cando a brétema é tan mesta, que non che deixa ver. Tampouco as bandeiras, os prexuízos e as cabezas ríxidas. E por desgraza, neste país, de rixidez no pensar, estamos servidos. Unha anda pola rúa, e escoita aos pais falando galego entre si, pero castelán cos cativos. Non vaia ser que lles saian retrasados, ou o que vén sendo… ao seu aproximado nivel. Porque son pais con mundo. Estiveron en Madrid, en Nova York e en Ámsterdam. E precisan fillos preparados, que estuden medicina ou arquitectura, e saiban dar “los buenos días” sen que sone “paleto”. Sinto mágoa deles. De todos, pero sobre todo dos nenos, porque lles están limitando a educación dun xeito absurdo.

Eu falo galego porque me sae de dentro. Da cona, mesmamente. Porque a xente que quero amosoume sempre o seu afeto nesa lingua, e non se renega do que se ama. Miña nai dime “a onde vas, millé“… meu pai “mira que es toxo, carallo” e o meu padriño da alma, cando chegaba os venres á casa, queríame ata a lúa cun “que ghaniñas tiña de te vere“. Ao mellor teño faltas de ortografía, e os lusistas bótanse as mans á cabeza coa miña carestía de coñecementos filolóxicos. Pero é o meu idioma, e coma tal o aprezo, e respeto, en igual medida.

E falo galego porque así teño máis palabras na cabeza, e as palabras son moito máis ca letras e garabullos: non se é libre, ou cando menos non se intenta, mentras non se fai uso delas.  Os que medramos escoitando billa, arnagarado, eira, leira, sobrado, chinero, barola, landra, onllar, forcada e resío, entendémonos. Resío… é unha das palabras máis bonitas da historia. Xunto se cadra a aloumiño, cóxega e amore con “e” ao final. O amor sen amore… quédase curto.

E tamén ghato e non gato, e ás veces o zapato era un sapato.

Non me gusta quen me pon trabas… obviamente o que en Galicia non me entenda se lle pido un café carghado…tampouco merece a vantaxa da miña compaña, polo menos mentras non se alfabetice uns mínimos. Así de simple.

Danme mágoa os que non se percatan que perder a lingua propia… é ir contra o patrimonio, a cultura, a diversidade e as opcións pra comunicármonos. Diso se trata precisamente: é poñerlle trabas á comunicación, ao entendemento. ¿pode haber peor caciquismo? ¿peor ditadura, cá da incultura?

Poñamos que vou ao Obradoiro cunha macro-desbrozadora, e arramplo coa catedral de Santiago… ¿doe? pois igual molesta ir con túa sobriña ao parque dun centro comercial… e que un mini emisario das xuventudes do PP, futuro correxidor de cortes en Castilla, lle espete: “¿y tú por que hablas en gallego?” A min danme ganas de replicarlle, “ti, retaco madrileño de Cuspedriños de Abaixo, a ver se empezamos a ter cabeza, que con 4 anos vas no tempo“. Pero claro, recoñezo que o pobre non ten culpa. A culpa é desa mami postmoderna. Que leva ghafas de Ray Ban, un bolso de Bimba e Lola, e estudiou dereito…ela non se relaciona con borregos e todos os venres toma Gin Tonic na cafetería con máis estilo de Doctor Teijeiro… pero fai 18 anos cagaba na horta detrás da casa. Saberá usar unha berza, se algún día (dios no lo quiera) se perde no monte.

Sei que podo ser faltona. Pero eu escribo… o que me peta e no que me peta. O que me censure que lle vaia botar unha misa a Franco. Tamén vos digo outra cousa. O contrario tamén fastidia. Tanto galeguista sen barbear, comunista por tendencia, asiduo da roupa de segunda man… que di ter lido “Sempre en Galiza“, a a obra completa de Manuel Murguía, Risco e Pedrayo… pero que fala tamén nunha lingua que non identifico, e que semella máis Portugués… ¿por que inventan? XA TEMOS A NOSA.

Non canso de repetir: eu falo no que me peta, cando me peta, como me peta. En galego… en castelán ou en chino mandarín segundo as cervexas que leve.

O outro día un asturiano veume a dicir: “es que el gallego no sirve para nada“. E a min déronme ganas de soltarlle: “o que non serviu para moito foi a túa escolarización, pasmón do carallo” Pero calei… porque falar con túzaros tampouco sirve pra nada.

Así que eso: EN GALEGO. VIVAN AS NAIS QUE DIN “MECAJONACONA, RAPAS“… OU “VAI DAÍ E NON ME TOQUELO CARALLO“. Hoxe voulle quitar o pó a todos os libros de Blanco Amor, de Ánxel Casal… de Curros e Carballo Calero… e tamén aos de Rosalía, Castelao e Manuel María. Levamos anos dunha longa noite de pedra. ¿Serán horas de espabilar, ou?

PORQUE A LINGUA, QUERIDOS COMPAÑEIROS, NON HAI QUE NORMALIZALA. A LINGUA, HAI QUE FALALA.

E PORQUE O LICOR NO DO NEGRO CAFÉ, SÓ O TEMOS AQUÍ… POR ESO VOS POÑO ESA CANCIÓN. A MIN GÚSTANME AS FESTAS DO VERÁN… E MÁIS SE ME DIN “QUES ALGHO DE BEBER“… CUNHA GHEADA BEN POSTA. NO SEU SITIO. COMO TEN QUE SER. COMO MELLOR SENTA. LUME!!!

*RATHEN DE CAS PALLAS*

 

 

Anuncios

6 comentarios en “DÍA DAS LETRAS GALEGAS. VIVA O LICOR DO NEGRO CAFÉ.

  1. Estou plenamente dacordo contigo, solo que eu, ademais de galega , tamén son española e todo o que dis eu aplicollo ás dúas linguas maternas. E falo o que me PETA cando me PETA. E non somos os bilingües os que coartamos a liberdade da fala, sodes os galleguistas os que queredes coartar os demais. Deixadevos de lerias e que convivan as dúas linguas en paz e armonía sin mais.

    • Eso mesmo que dis ti… Dígoo eu no texto, se é que te paras a lelo. En galego, castelán ou chino mandarín. Non sei moi ben a que vén o de galeguista? Non dixen que o fose. De feito creo ter escrito algo así coma que odio as bandeiras? Que rápido lemos amiga! Que xulgamos antes de entender o que se di!

  2. Por reflexións coma esta, trufada de licor café e lembranzas, merecías un monumento, pero como iso xa cho din a miudo mozos con mais chaza ca min e so tentarei explicar de onde sae a miña amore pola lingua.. e polo idioma galego. Cativiño eu espantaba as muxicas e no medio da borralla apañando as castañas coas que facer bullós, mentres rascaba o proido do carrelo cotra o adival trenzado do carro e meus irmáns pelexaban cos estadullos a xeito de espadas sen farere caso da mamai que berraba, “Parade, carallo que vades esnaquizar algo” Eran as longas noites do outono nas que os contos de meigas e mouros bulian arredor do lume e nas que sempre algún vello choqueiro dicía. “Calade que hai roupa o sol” e os cativos quebamos coa mel nos beizos sen sabere quen fora a moza que perdera a honra e que casara co demo… logo enterávaste que o demo vivía na túa casa e que ti ías ser quen perseguirìa mozas sen honra.

  3. Perfeitamente expresado, pódese dicir máis alto pero claro é dabondo. Umha cousa está clara, o idioma, e neste intre o noso (porque a lingua nom é de ninguén máis nosa é), o galego é um ente vivo, e cómpre dar uso dele pra que agrome dese compricado estado no que se atopa. É importante que o uses de ese xeito, nom há mellor maneira ca isa, a que che peta, e porque de ti sae e nom morrerá por xente coma ti. Agradezo superacións de típicos-tópicos longamente instaurados por quen puña atrancos a tan fermoso e culto feito diferenciador. Máis nom podo laiárenme por tanto férido e duro xa que de boas e xenerosas está o mundo cheo, seica até na Lúa há.
    As túas verbas achéganme lembranzas da finada da miña querida avoa que dende a súa ignorancia (nom sabia ler nim escreber) ‘berreghaba’ comigo pra dicirme que nom lle falara asi a miña filla; cousas de vell@s, d@s de antes, d@s que achantaban pan na manga da bata pra levar pra cama e come-lo despois até ás agochadas (tempo da fame).
    E que é iso de que nocanto de estaren tres galegofalantes xuntas e únesenos um castelanparlante é de educazóm expresárennos en castelán por ele? U-la educazóm? Nom estou dacordo aínda que teño claro ca os idiomas pra comunicárense son, e se féchaste em banda coa superioridade infinda que che da isa anterga convinzón deseguro nada entenderá, ao igoal ca se cun balado falase; porém, se el quiser a súa incorporazóm á conversa sería perfecta.
    Amólanme máis eses defensores do ‘bilinguismo harmónico’, fato de pécoras cuxo fin e a prevalencia dese seu idioma con máis pulo sobor o noso que si quere arrinconar até face-lo cáseque testemuñal. Pura hipocresía de traidores á Patria, e covardia por nom face-lo directo.
    Após este coñazo do ‘carallo 29’ quero darme o mérito pra quen, por educazóm e até malmeter nacontra deste idioma de paletos, educáronno na lingua materna castelán máis descubrin ca o meu e o meu gran de area será usa-lo galego sempre que puidera (faltas de ortografía incluidas), facendome sempre nom soio entender, senom ouvir.
    Na Galiza sempre em galego.

    • De todo o que dis… o resumo está ao final… e únome a ese non NA GALIZA SEMPRE EM GALEGO. Os bilingüistas harmónicos non acadan moi ben a posicionarse de ningún xeito, e eu coido máis ben que non o teñen claro… e o que lles pasa é sinxelamente é que levan o raigame desa pobreza propia dos que sinten vergoña do propio.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s